Soul Calibur IV supera os 2 millóns de copias vendidas

mércores, 6 de agosto do 2008 Marcus Fernández

En pouco máis dunha semana o xogo de loita Soul Calibur IV conseguiu superar os 2 millóns de copias vendidas en todo o mundo, o que confirma o éxito deste xogo que conta coas bazas de incorporar personaxes de Star Wars, retomar unha saga de éxito (considerada como a que ten os mellores xogos de loita tridimensionais) e engadir o xogo en liña á ecuación, permitindo enfrontarnos con outros xogadores remotos.
Pero nos últimos días o que está a dar máis xogo é, sen dúbida, a posibilidade de personalizar a aparencia dos loitadores, dando lugar a carismáticos personaxes que en moitas ocasións emulan a caracteres doutros videoxogos ou de comics, como se pode ver nun vídeo no que fan acto de presenza adaptacións de personaxes para semellarse a Mario, Link (de xogos clásicos de Nintendo), Mística, Pícara, Tormenta (dos X-Men), Robin, Superman (dos comics de DC), Dr. Doom (dos comics da Marvel), Solid Snake (de Metal Gear Solid), Sub-Zero, Scorpion, Raiden, Liu Kang (dos xogos de Mortal Kombat), Chun Li e Blanka (de Street Fighter II):


Deste xeito, o xogo permite incorporar a moitos personaxes populares dun xeito indirecto (sen ter que adquirir a licenza correspondente) o que achega aos afeccionados moita liberdade e diversión.

PUBLICIDADE