Soulcalibur VI chega ás tendas

venres, 19 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A grande franquía de xogos de loita con armas de Bandai Namco está de volta, e dende hoxe pode mercarse para PC, Xbox One e PlayStation 4 o agardado Soulcalibur VI, que tras dúas décadas de serie mantén a súa frescura e identidade, ofrecendo mecánicas de combate novas (como os ataques de revés que fusionan ataque e defensa e as cargas de alma que supoñen unha mellora temporal).
En Soulcalibur VI poderemos viaxar polas emblemáticas fases ambientadas no século XVI e vivir a loita polas dúas espadas lendarias nunha volta ás raizames da primeira entrega no modo Crónica de almas (ou modo historia). Contaremos cun cadro de personaxes moi completo, no que tanto figuran vellos coñecidos da franquía como novas incorporacións e incluso convidados de luxo como Geralt de Rivia (de The Witcher).
Aparte do mencionado modo historia, tamén haberá modo en liña para enfrontarse a xogadores de todo o mundo e poderemos crear personaxes ao noso gusto no modo Creación. Todo un imprescindible para os amantes desta representativa franquía de combates tridimensionais con espadas e armaduras.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE