Soulcalibur VI proba o seu xogo en liña esta fin de semana

xoves, 27 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O 19 de outubro sairá á venda o xogo de loita Soulcalibur VI, pero non haberá que agardar a tal data para probalo, xa que dende mañá ás 17:00 horas e até as 5:00 horas do luns o xogo desenvolverá unha proba de rede, ou sexa, que durante toda a fin de semana será posible gozar de partidas en liña para que os responsables do título poidan comprobar a resistencia dos servidores do xogo nun escenario de uso real.

As probas de rede de Soulcalibur VI realizaranse para o modo Ranked Match en PlayStation 4 e Xbox One, de xeito que a versión para ordenadores persoais quedaría fóra desta fase de probas. No caso da Xbox One será preciso contar cunha conta activa de Xbox LIVE Gold, mentres que en PS4 non será preciso estar subscrito a PlayStation Plus para gozar da fase de probas.

Este novo xogo permitiranos volver a encarnar personaxes como Mitsurugi, Talim, Sophitia, Voldo e moitos outros, cos que ter que combater en loitas nas que mesturar ataques horizontais, verticais e patadas con grande destreza, combinando ataques e conseguindo así asestar golpes que debiliten ao inimigo, contándose tamén con técnicas de contraataque que enriquecerán o xogo, como tamén o fan os movementos especiais.
Cómpre destacar que desta volta entre os loitadores hai un convidado, Geralt de Rivia, da seria The Witcher de CD Projekt Red.

Geralt de Rivia é unha nova incorporación ao cadro de loitadores de Soulcalibur VI

PUBLICIDADE