Spider-Man chegará en setembro a PS4 con consolas a xogo

venres, 20 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da Comic Con de San Diego, Insomniac Games presentou un novo tráiler do xogo de Spider-Man que está a desenvolver en exclusiva para PlayStation 4, no que dan detalles sobre a historia do xogo, deixando ver personaxes como Norman Osborn, Silver Sable, Mary Jane Watson e Miles Morales; estreando tamén un vídeo no que dan conta dos tres traxes especiais de Spider-Man que recibirán como gratificación os consumidores que merquen o xogo de xeito anticipado.

Tráiler de Spider-Man estreado na Comic Con

Pero as novidades non quedaron nas pezas audiovisuais, senón que tamén adiantaron que o 7 de setembro van lanzar edicións especiais da PlayStation 4 e a PlayStation 4 Pro en cor vermella co logotipo de Spider-Man en cor branca, e cun mando DUALSHOCK 4 a xogo, na que posiblemente sexa unha das versións da consola de Sony máis rechamantes, pola súa agresiva escolla de cores. Estas consolas incluirán o xogo do Home Araña en disco e disco duro de 1 TB, así como un código de descarga para o DLC La ciudad nunca duerme. Para quen queira mercar unha consola co xogo, e prefira optar por unha cor máis discreta, tamén venderanse lotes de PS4 negras con 500 GB de disco duro, con 1 TB de disco duro (con 1 ou 2 mandos) e tamén de PS4 Pro con 1 TB de disco duro.

A PS4 Pro con disco duro de 1 TB tamén terá versión en cor vermella

Vídeo de presentación dos traxes que recibirán os que reserven o xogo

PUBLICIDADE