Splinter Cell: Conviction recibirá contido descargable de balde

xoves, 15 de abril do 2010 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas a versión de Xbox 360 do xogo Tom Clancy’s Splinter Cell: Conviction, que tamén contará con versión para PC a finais de mes, sorprendendo agradablemente polo feito de que Ubisoft ten pensado lanzar contidos descargables de balde para o xogo de xeito semanal, proporcionando skins, armas e operacións especiais para alongar a vida do xogo protagonizado polo ex axente Sam Fisher, quen deberá frustrar un complot terrorista que ameaza a millóns de persoas.
Resulta agradable que desta volta non haxa que pasar por caixa para adquirir contidos descargables, o que non é o único detalle a destacar deste título, pois os seguidores da saga que tiveron a ben reservar o xogo tamén puideron facerse unha edición especial que inclúe unha caixa metálica para o xogo, unha figura de Sam Fisher de 18 centímetros de alto, roupa exclusiva para o personaxe, acceso preferente a 3 tipos de armas, a banda sonora do xogo e un novo modo de xogo (modo infiltración).

JPEG - 84 KB
O xogo recibirá semanalmente contido descargable de balde

PUBLICIDADE