Spotify estrea listaxes de reprodución que se actualizan ao longo do día
mércores, 4 de setembro do 2024
Hai un ano Spotify estreou unha funcionalidade chamada daylist nos EE.UU., Canadá, Reino Unido, Australia, Nova Zelandia e Irlanda, e hoxe anuncian o seu espallamento a máis mercados e idiomas, polo que por fin podemos gozar en España desta prestación.
Daylist consiste serie de listaxe de reprodución adaptadas a cada persoa, que destacan por actualizarse varias veces ao día, o que a compañía define como «o teu día nunha listaxe», e que aseguran que nos mercados nos que estivo dispoñible no último ano conseguiu unha grande aceptación, sendo unha das funcións máis populares en Spotify, fomentando o descubrimento musical. Aseguran que o 70% dos usuarios escoita a listaxe de reprodución semana tras semana.
A daylist podemos atopala na aplicación móbil de Spotify dentro do apartado Totalmente ti, así como vía web. A listaxe xerada pode compartirse en redes sociais e, cando atopemos unha recompilación musical que nos guste especialmente, tamén podemos gardala como unha nova listaxe de reprodución na nosa biblioteca de Spotify.
- Con daylist podemos gozar de listaxes musicais que se actualizan en función do momento do día