Spotify permite os comentarios nos podcasts

martes, 9 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A ninguén se lle escapa que Spotify é actualmente unha das principais plataformas para a escoita de podcasts, chegando a unha audiencia moito máis ampla que as aplicacións de podcasting tradicionais, e para mellorar a conexión entre os creadores e a súa audiencia está a incorporar unha novidade: os comentarios.
Os creadores de podcasts dispoñibles en Spotify (aínda que estean hospedados noutra plataforma) poden agora gozar dunha nova versión da aplicación móbil Spotify for Podcasters, que facilita facer un seguimento das estatísticas máis importantes dun xeito sinxelo, controlar como aparecen os programas en Spotify, notifica da entrada en rankings de Spotify, e agora tamén responder a comentarios e marcar con Gústame. Búscase así construír unha relación máis sólida entre os podcasters e a súa audiencia, coa vantaxe de que non hai que acudir a un blog ou unha plataforma social para poder enviar comentarios sobre un podcast que escoitemos, senón que podemos facelo directamente dende a aplicación que serve de reprodutor.
Cómpre salientar que os creadores teñen en todo momento o control sobre esta nova función, ou sexa, que os comentarios poden activarse/desactivarse por programa ou por episodio, ou moderarse para que só estean visibles os que superen a revisión (aínda que contarán con mecanismos que permitan que os comentarios saian automaticamente se respectan as pautas de contido).

A nova versión de Spotify for Podcasters facilita a xestión de comentarios nos podcasts