Spotify proba función de karaoke

mércores, 29 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Spotify está a activar a numerosos usuarios unha nova funcionalidade en probas que está a resultar moi ben recibida: o karaoke. Estamos ante unha evolución da función coa que vemos as letras das cancións sincronizadas, pero que agora, se prememos no botón de Cantar, activa o micrófono para rexistrar a nosa voz e así, ao remate da reprodución, darnos unha puntuación sobre o axustado que estivo a nosa interpretación do tema musical, como se estivésemos ante o xogo SingStar.
Polo momento hai bastantes usuarios en EE.UU. e Reino Unido que teñen activada esta nova función, que estaría a activarse entre os usuarios que teñen a aplicación actualizada á última versión, e confíase en que remate chegando a todos os usuarios nos vindeiros días, aínda que dende a compañía non anunciaron nada oficialmente (probablemente por estar aínda na fase de probas desta prestación).

PUBLICIDADE