Square Enix desenvolverá un xogo dos Vingadores

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Marvel Entertainment e Square Enix anunciaron hoxe un acordo de licenzamento multianual para desenvolver e publicar xogos orixinais baseados nos superheroes do Universo Marvel, comezando polos Vingadores (The Avengers), que protagonizarán a primeira superprodución dentro desta alianza, que promete ter un nivel pouco habitual nos xogos de superheroes, xa que correrá da man de Crystal Dynamics (responsables da actual saga de Tomb Raider) en colaboración con Eidos-Montréal (estudio detrás da saga de Deus Ex).
O proxecto dos Vingadores está a deseñarse pensando en xogadores de todo o mundo, e incluirá os personaxes, contornos e momentos icónicos cos que os seareiros da franquía están familiarizados, aínda que teremos unha historia totalmente orixinal, para que os xogadores poidan participar en eventos que aínda están por chegar.
Ao parecer o froito do acordo farase agardar, xa que non está previsto que dean detalles sobre o proxecto e o resto de xogos que desenvolverán ao abeiro do acordo até o ano que vén.
Dende a Marvel, Jay Ong asegurou que «o proxecto dos Vingadores é o exemplo perfecto de como Marvel está a facer dos xogos unha parte clave do seu panorama narrativo, xunto cos cómics, a televisión e o cine. Para facer iso só podiamos cruzar os nosos maiores superheroes cos mellores desenvolvedores do mundo, como as mentes creativas de Square Enix».

Teaser do futuro xogo dos Vingadores

PUBLICIDADE