Stadia chega aos televisores de LG

xoves, 9 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O mes pasado os televisores máis avanzados de LG estrearon a posibilidade de gozar do xogo na nube a través do servizo nVIDIA GeForce Now, e agora dan un paso máis nesta mesma dirección anunciando que os Smart TV de LG que funcionen con webOS 5.0 e webOS 6.0 en 22 países (estre os que figura España) poderán gozar directamente do servizo de xogo na nube de Google, Stadia.
O servizo de Google está dispoñible a través da correspondente aplicación que pode descargase da LG Content Store, e permite gozar de máis dun par de centos de videoxogos (entre os que figuran grandes títulos como Cyberpunk 2077, Resident Evil Village, Assassin’s Creed: Valhalla ou Hitman 3) que poden gozarse até en 4K con HDR e até 60 imaxes por segundo sen ter que adquirir unha consola de videoxogos.
Deste xeito, os posuidores dun televisor recente de LG simplemente terían que instalar a aplicación de Stadia e emparellar un mando co seu televisor para poder gozar de grandes xogos a través da nube, conseguindo así que vexamos dun xeito cada vez máis claro os xogos como un servizo en vez de como un produto.

PUBLICIDADE