Stadia crea confusión co seu anuncio de peche

venres, 30 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O anuncio do peche de Stadia non foi unha sorpresa só para os usuarios, senón tamén para os desenvolvedores de xogos que incluso tiñan acordos pechados con Google para a publicación de xogos nos vindeiros meses, provocando un grande desconcerto, xa que varias compañías descoñecen se Google manterá os compromisos contractuais que ten con eles por mor da publicación dos seus traballos.
Como mostras do que está a acontecer temos declaracións de desenvolvedores como Mike Rose de No More Robots, que asegura que horas despois do anuncio do peche de Stadia seguen sen recibir unha comunicación por parte da compañía explicando o que acontecerá cos xogos que tiñan asinada a súa publicación na plataforma e os acordos entre as empresas; mentres que dende Olde Skuul recoñecen que estaban a traballar nun xogo para Stadia, e agora están devastados; Brandon Sheffield de Necrosoft Games dá conta de que ían lanzar Hyper Gunsport para Stadia en novembro, co que pretendían recuperar os custos de desenvolvemento do xogo; e tampouco faltan as declaracións de sorpresa de integrantes dos estudios que tiñan títulos previstos para ver a luz mañá mesmo, que curiosamente si chegarán a Stadia, aínda que só para os subscritores de Stadia Pro.
Temos así como Arcade Paradise, Drawful 2, Looking for Aliens, Slaycation Paradise, Tangle Tower e Hot Wheels Unleashed: Game of the Year Edition están xa dispoñibles en Stadia Pro (con antelación, pois estaba prevista a súa estrea o 1 de outubro), pero iso non compensa os seus lanzamentos, xa que estes títulos estarían a perder os ingresos derivados da súa posible compra por parte dos usuarios, xa que a tenda de xogos en Stadia está completamente pechada (decisión lóxica se temos en conta que Google comprometeuse a devolver os cartos aos compradores de xogos de Stadia).
Non parece que vaiamos ver máis lanzamentos de xogos en Stadia Pro nas vindeiras semanas, de xeito que o servizo manteríase en funcionamento até o peche definitivo do servizo en xaneiro de 2023.

PUBLICIDADE