Star Fox Zero non chegará ás tendas até 2016

venres, 18 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O xogo Star Fox Zero de Nintendo tiña previsto o seu lanzamento para o vindeiro 20 de novembro, pero os usuarios de Wii U terán que agardar a primeiros de 2016 para poder gozar do novo xogo da compañía nipoa, perdéndose así a grande oportunidade da campaña de Nadal, o que foi unha difícil decisión que tivo que tomar Shigeru Miyamoto, quen publicou unha mensaxe nas redes sociais da compañía dando conta do adiamento do xogo.
Miyamoto asegura que o xogo estaba a avanzar a bo ritmo, pero consideraron que precisaban máis tempo para pulir detalles como o xogo a dúas pantallas e as secuencias de vídeo integradas no xogo. Tras constatar que tecnicamente non eran capaces de chegar á campaña de Nadal, preferiron adiar o lanzamento a lanzar un xogo mal rematado (como fan outras compañías con certa frecuencia, confiando en parches futuros).
Cómpre destacar que aínda que Star Fox Zero beba directamente de Star Fox 64, incorpora suficientes novidades como para complicar o seu desenvolvemento, e dado a que estamos ante unha franquía clásica, Nintendo prefire coidala para manter a súa boa sona.

Star Fox Zero supón á volta da franquía ás consolas domésticas, polo que Nintendo quere coidar este lanzamento

PUBLICIDADE