Star Wars Jedi: Fallen Order estrea tráiler

luns, 15 de abril do 2019 Marcus Fernández

Na última presentación de resultados financeiros de Electronic Arts avanzouse que no outono teríamos o lanzamento do xogo Star Wars Jedi: Fallen Order, e por fin dan máis detalles sobre este xogo que parece querer redimir comportamentos pasados da súa editora, xa que anuncian que carecerá de microtransaccións e caixas de botín.
Star Wars Jedi: Fallen Order será unha historia para un xogador na que o protagonista está listo para converterse nun cabaleiro Jedi, e que está a desenvolver Respawn Entertainment co obxectivo de que vexa a luz en Xbox One, PlayStation 4 e PC o vindeiro 15 de novembro, ou sexa, a tempo para non perder a campaña de Nadal.
Este título de acción en terceira persoa permitiranos sentir a Forza, de xeito que teremos que adestrar coa espada de luz e o uso da Forza para superar calquera obstáculo, completar o adestramentos antes de que os inquisidores descubran o plan do protagonista (un padawan que fuxiu durante a purga da Orde 66 do Episodio III) de reconstruír a Orde Jedi e explorar a basta galaxia visitando unha grande diversidade de contornos (bosques ancestrais, desfiladeiros ventosos, xunglas encantadas...).
Nesta aventura acompañarán ao protagonista, Cal Kestin, unha antiga membro da Orde Jedi, un piloto rosmón e un intrépido droide (BD-1), mentres fuxe dos plans do Imperio nunha aventura centrada na historia, na que non faltarán desafíos de combate, investigación e resolución de quebracabezas.
Aínda que para facerse unha idea do que será este xogo, nada mellor que o seu agardado tráiler:

PUBLICIDADE