Star Wars Jedi: Survivor verá a luz en marzo

luns, 5 de decembro do 2022 Marcus Fernández

O agardado xogo Star Wars Jedi: Survivor está cada vez máis preto, e aínda que non se prevé máis información oficial sobre o mesmo até a cerimonia de entrega dos The Game Awards o vindeiro día 8, cando se amosará un vídeo co xogo en acción, nas últimas horas a páxina de Steam do título converteuse nunha fonte de filtracións, desvelando un detalle especialmente importante: que o xogo sairá á venda o 15 de marzo.
Deste xeito estrágase un grande anuncio previsto para a gala dos The Game Awards, pero a filtración de Steam non queda aí, senón que tamén detalla os agasallos virtuais que recibirán os xogadores que reserven o xogo na súa edición normal ou na edición de luxo, os requisitos técnicos do xogo e algún detalle máis da historia.
Polo que puidemos ver, en Star Wars Jedi: Survivor continuaremos as aventuras de Cal Kestis en Star Wars Jedi: Fallen Order, aínda que 5 anos despois deses acontecementos, cun Cal que xa madurou até ser un cabaleiro Jedi completo, polo que amosará novas habilidades coa Forza e novos estilos de loita coa espada de luz. Tamén explorará novos planetas e fronteiras familiares da galaxia, atopando novos retos que superar para salvar aos seus achegados.
Resulta bastante rechamante que un xogo anunciado este mesmo ano, con data de lanzamento en 2023, vaia ver a luz no primeiro trimestre, pois estamos demasiado afeitos aos adiamentos, que foron a tónica habitual por mor da COVID-19.

En Steam puidemos ver de xeito anticipado moitos detalles do xogo
Os requisitos técnicos do xogo estiveron visibles en Steam durante varias horas

PUBLICIDADE