Star Wars estrea un xogo free-to-play para dispositivos móbiles

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os seareiros da saga galáctica de Star Wars teñen dende hoxe dispoñible un novo xogo free-to-play que podería ser do seu agrado, e que chega simultaneamente a iPhone e iPad, a Android, a Windows Phone 8 e a Windows RT/8, polo que agárdase que chegue a un público moi grande en moi poucas horas, aproveitando a sona da franquía de LucasArts (actualmente propiedade de Disney).
Star Wars: Assault Team permite xuntar a un poderoso equipo de personaxes de Star Wars (Luke Skywalker, Han Solo, Boba Fett, bandidos tusken...) para enfrontarse a inimigos e outros xogadores empregando a estratexia para gañar en combates por quendas. Haberá que infiltrarse en flotas inimigas e superar adversarios en combates cara a cara.
Vivir misións épicas para fuxir de naves inimigas, sobrevivir a emboscadas ou localizar á resistencia wookie serán algunhas das cousas que poderemos facer co noso equipo de asalto, no que cada integrante terá estatísticas, habilidades e ataques únicos para incrementar a forza conxunta.
As batallas permitirán empregar tácticas especiais dos membros do equipo, as vitorias permitirán gañar recompensas e personaxes novos, os obxectos que xuntemos servirán para adestrar aos personaxes e mellorar os seus ataques especiais e os enfrontamentos contra outros xogadores facilitarán gañar botín extra.
A historia deste xogo sestá ambientada entre os episodios IV e V das películas de Star Wars, permitindo visitar planetas icónicos como Tatooine e Kashyyyk.


Trailer do novo xogo de LucasArts e Disney Mobile

PUBLICIDADE