Steam prepara un dispositivo para xogar ao PC en streaming

mércores, 4 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Dende Valve levan moitos meses traballando en levar a súa plataforma Steam máis aló de ordenadores tradicionais, e o seu último anuncio a este respecto está a chamar poderosamente a atención, xa que propoñen que os xogadores para PC poidan xogar remotamente valéndose do Steam Link, un pequeno dispositivo que custaría só 50 dólares nos EE.UU. (o prezo para Europa aínda non se estableceu) que recibiría mediante streaming o contido dos xogos que corran no noso ordenador ou nunha Steam Machine, para o que ambos equipos deberían estar na mesma rede local.
Este produto que chegará ao mercado en novembro promete ser capaz de entregar gráficos a 1.080p e 60 Hz con baixa latencia, o que parece máis que satisfactorio para, por exemplo, poder gozar dos xogos do noso ordenador no salón da casa (sen ter que trasladar o equipo dunha habitación a outra).
Este pequeno trebello contaría con 3 portos USB, Ethernet e HDMI, e podería complementarse cun Steam Controller (á venda por outros 50 dólares). Unha solución que podería lembrarnos á PlayStation TV, pero limitando as súas funcionalidades ao streaming (mentres que o produto de Sony é capaz de correr xogos de PS Vita e contidos multimedia en liña de xeito autónomo).

O Steam Link conta con 3 portos USB, 1 porto Ethernet e HDMI

PUBLICIDADE