Street Fighter II estrea versión para Nintendo Switch

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

A relación da franquía de Street Fighter cos dispositivos portátiles nunca foi especialmente boa, principalmente polas dificultades para gozar dun control preciso en consolas como a Game Boy Advance, a PSP ou incluso a Nintendo 3DS, e aínda que o Street Fighter IV para 3DS foi un desenvolvemento realmente impresionante, ofrecía unha experiencia bastante limitada, o que o último lanzamento para Nintendo Switch parece solucionar. Dende hoxe temos dispoñible Ultra Street Fighter II: The Final Challengers, a última adaptación do principal referente de xogos de loita para máquinas recreativas en 2D, de xeito que podemos gozar do xogo de loita no televisor ou en mobilidade, cos pequenos mandos Joy-Con ou co mando Pro, e incluso podendo gozar de xogo en liña, converténdose no Street Fighter máis versátil até o momento.
Este novo título permítenos xogar no tradicional modo Arcade, no que elixir un loitador e ir viaxando polo mundo para derrotar ao resto de contendentes até a vitoria final; tamén teremos o popular modo Versus no que enfrontarnos a un amigo; como grande novidade está agora o Combate Dúo, no que dous loitadores poden unir forzas para derrotar ao seu contrincante; co xogo en liña poderemos loitar contra xogadores de todo o mundo, ascendendo nas clasificacións en liña; e incluso poderemos gozar do modo Camiño do Hado, no que empregar a capacidade do sensor de movemento do Joy-Con para loitar contra o exército de Shadaloo nun modo de acción en primeira persoa nunca visto (con Ryu repartindo golpes).
Aparte das novidades comentadas, o xogo tamén ofrece a posibilidade de xogarse cos gráficos orixinais ou coa súa versión mellorada, e conta un par de loitadores adicionais (Evil Ryu e Violent Ken) de xeito que sería a versión máis completa de Street Fighter II. Aínda que estamos ante un xogo bastante digno, está a ser moi criticado que Capcom non estrease un Street Fighter moderno para Nintendo Switch, especialmente polo feito de que estamos ante un xogo moi vello (26 anos) polo que queren facer pagar aos xogadores 39,99 euros (de feito, Street Fighter 2 Turbo HD Remix para PlayStation 4 ten un prezo de 14,99 euros, cando ofrece unha experiencia moi semellante).

Tráiler de lanzamento de Ultra Street Fighter II: The Final Challengers

No xogo podemos optar entre gozar dos gráficos orixinais do xogo ou da súa versión remasterizada

PUBLICIDADE