Street Fighter celebra os seus 30 anos recompilando as súas primeiras entregas

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Para celebrar o 30º aniversario da saga de videoxogos de loita máis representativa, Capcom anunciou que o vindeiro mes de maio vai pór á venda para PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch e PC (nesta última plataforma só en soporte descargable) Street Fighter 30th Annivesary Collection, un impresionante recompilatorio que rescata as 12 primeiras entregas desta serie para salóns recreativos.
Esta colección recolle o Street Fighter orixinal, xunto con Street Fighter II, Street Fighter II: Champion Edition, Street Fighter II: Hyper Fighting, Super Street Fighter II, Super Street Fighter II: Turbo, Street Fighter Alpha, Street Fighter Alpha 2, Street Fighter Alpha 3, Street Fighter III, Street Fighter III: 2nd Impact e Street Fighter III: Third Strike, de xeito que os seareiros da franquía poderán gozar en máquinas actuais da experiencia de hai varias décadas.
Para que a experiencia sexa aínda máis completa, no caso de Street Fighter II: Hyper Fighting, Super Street Fighter II: Turbo, Street Fighter Alpha 3 e Street Fighter III: Third Strike será posible xogar en liña, replicando así a sensación de estarmos nun salón recreativo xogando cos amigos e, de feito, os usuarios poderán xogar contra a máquina mentres esperan á chegada dun contrincante humano, ao igual que acontecía nas recreativas.
Para completar a colección incluirase un Museo, unha recompilación de arte conceptual dos xogos, biografías dos personaxes e moitos outros elementos visuais que poderemos explorar mentres escoitamos temas das bandas sonoras dos xogos incluídos no recompilatorio.

Street Fighter II e o xogo máis relevante desta franquía, xa que introduciu numerosas innovacións no xénero (foi o primeiro en deixar elixir entre un cadro de loitadores)
Probar o primeiro Street Fighter tamén é un elemento interesante da colección, xa que o título pasou bastante desapercibido no seu día
A colección recompila arte dos xogos para afondar nesta franquía

Tráiler no que se anuncia Street Fighter 30th Annivesary Collection

PUBLICIDADE