Street Fighter x Tekken sae á venda en España

venres, 9 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Xa está aquí. Os seareiros das sagas de xogos de loita Street Fighter e Tekken xa poden confrontar aos seus personaxes favoritos no novo título de Capcom Street Fighter x Tekken, que hoxe sae á venda en España nas súas versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, ofrecendo un xogo moi na liña do Street Fighter IV, pero engadindo os loitadores da saga Tekken, respectando a súa esencia, pero mantendo a mecánica de xogo de Street Fighter, arriscada estratexia que conseguiron completar con acerto.
Este xogo ten un total de 38 personaxes (que é de agardar que poidan ampliarse mediante contidos descargables), ten numerosos modos de xogo, permite realizar batallas por equipos en tempo real e conta cun sistema de xemas (power-ups) que modifican as habilidades dos personaxes.
Os loitadores que poderemos elixir no xogo serán os personaxes de Capcom Ken, Ryu, Zangief, Rolento, Rufus, Ibuki, Hugo, Dhalsim, Poison, Sagat, Cammy, Chun-Li, Abel, Guile, Balrog, Vega, Juri. M. Bison e Akuma; e os personaxes de Tekken Lili, Heihachi, Hwoarang, Julia, Marduk, Bob, King, Nina, Kazuya, Yoshimitsu, Steve, Kuma, Raven, Asuka, Paul, Law, Xiaoyu, Jin Kazama e Ogre.
Tamén é posible adquirir este título nunha edición para coleccionistas que engade ao xogo un kit de construción dun mini-arcade de plástico duro, un cómic exclusivo e 45 xemas (que de adquirirse coma contidos descargable terían un prezo de 15 euros).

Enfrontar aos personaxes de dúas sagas consolidadas e con mecánicas de xogo diferenciadas é o principal atractivo deste novo xogo de Capcom
A edición para coleccionistas inclúe contidos adicionais

PUBLICIDADE