Sun Visor Theater: DVD para o parasol do coche

martes, 6 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os aparellos reprodutores de DVD para o coche non son perigosos de por si. En realidade, son coma os mesmos coches: perigosos ou non dependendo do uso que se lles dea e o lugar no que se coloquen. O Sun Visor Theater é neste senso tan inofensivo coma bater cun martelo nunha granada de man. Poderíamos cualificado tamén de “caso aparte”, posto que vén deseñado para integrarse co parasol, espazo do coche que non parece o máis axeitado para ter unha condución segura (o parasol, que se saiba, está feito precisamente para protexernos dos raios do sol que veñen de fronte, mais non para reclamar a nosa ollada cunha película subidiña de ton como a que se pode apreciar na imaxe).
Sexa como sexa, e atendendo ás características técnicas do produto, diremos que ten pantalla panorámica LCD de sete polgadas e reprodutor de DVD, CDs, MP3 e calquera outro formato que veña por tarxeta. Tamén inclúe porto USB e recepctor de TV e mando a distancia. O seu prezo é de 230 euros. Na páxina do produto recoméndasenos, iso si, que conduzamos de xeito responsable (curándose en saúde?).

PUBLICIDADE