Super Mario Run chega a iOS

xoves, 15 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O primeiro xogo para smartphones de Nintendo por fin está á venda, Super Mario Run, que pode descargarse de balde da App Store, aínda que contando cun xogo moi limitado no que só é posible xogar aos 3 primeiros niveis do primeiro mundo (que hai que superar en 90 segundos cada un) e só 5 boletos para o modo Carreira (no que podemos enfrontarnos a outro xogador real) de xeito que en menos de 10 minutos é posible completar o que podemos considerar como unha demostración dun xogo que para desbloquealo completamente inclúe un único pagamento de 9,99 euros, o que pode parecer moito para un xogo móbil, pero é moito menos do que habitualmente custan os xogos de Mario.
Este novo xogo, aínda que adopta a aparencia clásica dos xogos de plataformas de Mario, non permite un control preciso, polo que adopta unha mecánica de runner, ou sexa, que manéxase con simples toques en pantalla (buscando que poida xogarse cunha soa man) para controlar os saltos do fontaneiro máis famoso do mundo das consolas.
Conta con 3 modos de xogo: Mundos (no que correr e saltar sen parar a través de 6 mundos cos seus 24 niveis para rescatar á princesa Peach das poutas de Bowser), Carreiras (no que podemos competir contra os nosos amigos e xogadores de todo o mundo, sendo preciso gastar boletos para poder xogar) e O Meu Reino (xogo que permite crear o noso propio reino colocando edificios e outros elementos grazas aos Toads que recrutemos nas carreiras).
Como personaxes xogables teremos a Mario, Luigi, Peach, Yoshi, Toad e Toadette, e do que non parece haber dúbidas é de que estamos ante un título moi sólido, que demostra que Nintendo segue a conservar o seu talento á hora de facer xogos excelentes que poidan conquistar aos xogadores dende o primeiro momento, de xeito que o único que queda agora é esperar a que lancen este xogo para Android.

Vídeo promocional de Super Mario Run

PUBLICIDADE