Super Smash Bros. chegará a Wii U o 5 de decembro

martes, 7 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Se hai un xogo que estes días está de máxima actualidade non parece haber dúbida en que este é Super Smash Bros., que o pasado venres chegou ás tendas españolas na súa versión para Nintendo 3DS e que hoxe confirmou que estará dispoñible para os usuarios de Wii U a partires do vindeiro 5 de decembro, chegando a tempo para o Nadal.
Pero pese a que o seu lanzamento aínda non se completou, o xogo xa é un supervendas, conseguindo vender máis de 2,8 millóns de unidades en todo o mundo, o que é un resultado moi sólido para unha franquía que chega por primeira vez a unha consola portátil, e que parece anticipar unhas fortísimas vendas no Nadal.
Este título vai contar cunha compañía moi especial, as figuras interactivas amiibo, que contan con tecnoloxía NFC para poder relacionarse co gamepad da Wii U e que comezarán a comercializarse o 28 de novembro con 12 personaxes (Mario, Peach, Yoshi, Donkey Kong, Link, Fox, Samus, Adestradora de Wii Fit, Aldeán, Pikachu, Kirby e Marth) aos que sumaranse 6 máis (Zelda, Diddy Kong, Luigi, Little Mac, Pit e Captain Falcon) o 19 de decembro. As figuras amiibo tamén serán compatibles con outros xogos como Mario Kart 8, Mario Party 10 ou Yoshi’s Woolly World, xunto a moitos outros que irán saíndo paulatinamente (sendo preciso actualizar a Wii U para poder gozar desta nova funcionalidade).
Nintendo tamén confirmou que vai achegar ás tendas un lote do xogo Super Smash Bros. para Wii U co amiibo de Mario e outro lote que acompañará o xogo co adaptador dos mandos de GameCube para Wii U (buscando que os que tiñan Super Smash Bros. Melee na GameCube poidan replicar a sensación táctil conectando á súa nova consola o seu vello mando).

O primeiro grupo de figuras interactivas amiibo incluirá a personaxes tan representativos como Yoshii, Mario e Link
Para mercar as figuras de Little Mac, Diddy Kong e Pit deberemos agardar até o 19 de decembro

Adeus a outra revista clásica

Pero as boas novas relativas a Super Smash Bros. vense lixeiramente ensombrecidas por outra despedida nos quioscos, e ao igual que en decembro de 2012 comentamos que a norteamericana Nintendo Power deixaba de editarse nos EE.UU. tras preto de 25 anos á venda, agora é a Revista Oficial Nintendo de Reino Unido a que confirma o seu peche, xa que Nintendo prefire orientar a súa estratexia de comunicación á súa serie de vídeos Nintendo Direct, eventos públicos e ás plataformas sociais en liña, buscando aos seus usuarios alí onde están, que non parece ser precisamente os quioscos, xa que o público medio da compañía nipoa é bastante novo, e carece do hábito da lectura de revistas en papel.
A publicación británica que se despide dos seus seareiros levaba 20 anos editándose como unha revista oficial baixo a licenza de Nntendo, uníndose a outros peches de revistas británicas sobre consolas como Nintendo Gamer, que padeceu o cesamento da súa publicación en 2012.

PUBLICIDADE