Swing Copters estréase cun elevadísimo nivel de dificultade

venres, 22 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Como anticipamos o pasado martes, finalmente Dong Nguyen lanzou un novo xogo móbil no máis puro estilo do seu célebre Flappy Bird, Swing Copters, que podemos descargar de balde na App Store ou en Google Play, que pese a ter unha mecánica moi simple, ten unha dificultade extrema, até o punto de que hai quen o considera un xogo imposible.
Neste novo título financiando mediante publicidade (que pode eliminarse pagando 0,89 euros) temos que controlar a un personaxe que ascende verticalmente propulsado por un gorrocóptero e que muda a súa dirección de desprazamento horizontal cada vez que prememos na pantalla, o que permitiralle esquivar distintos obstáculos fixos e móbiles, o que é todo un reto por mor da elevada velocidade do xogo, que ten un ritmo moito máis rápido que Flappy Bird, xogo co que comparte bastantes detalles, como a aparencia gráfica e a mecánica de xogo, aínda que parece que a súa dificultade extrema podería xogar en contra deste título que xera tanta frustración que podería ser toda unha ameaza para a integridade do noso terminal móbil.


O novo xogo de Dong Nguyen en acción

PUBLICIDADE