System Shock 3 xa conta con páxina web

luns, 14 de decembro do 2015 Marcus Fernández

SHODAN é a malvada intelixencia artificial á que hai que enfrontarse en System Shock

En setembro a tenda de xogos descargables sen DRM GOG sorprendeu poñendo á venda unha Enhanted Edition de System Shock, un shooter de 1994 que fixera historia que agora pode xogarse dignamente en equipos informáticos actuais, o que resultou ser un relanzamento que tiña unha motivación oculta: contribuír á recuperación da saga.
Otherside Entertainment vén de crear unha páxina web na que confirman que están a traballar en System Shock 3, e convidan aos interesados a inscribirse alí para recibir actualizacións sobre o futuro xogo que collerá o relevo de System Shock 2 (xogo de 1999 que está considerado como todo un referente).
Na saga System Shock temos que sobrevivir nun mundo cyberpunk futurista, no que SHODAN, unha malvada intelixencia artificial, intenta acabar coa nosa vida, e para recuperar esta historia dende Otherside ficharon a algúns dos responsables de anteriores entregas, como Paul Neurath de Looking Glass Studios e algúns traballadores de Irrational Games.
É de agardar que o novo xogo sexa bastante ben recibido se remata cunha boa factura, cando menos se temos en conta que o seu sucesor espiritual, Bioshock, consolidou unha das franquías de máis éxito na anterior xeración de consolas de videoxogos.

PUBLICIDADE