TED estrea aplicación oficial para Android

xoves, 15 de marzo do 2012 Marcus Fernández

As conferencias TED levan máis de 25 anos iluminando o mundo con ideas orixinais que buscan compartirse en pequenos relatorios de entre 3 e 18 minutos, dos que moitos será posible a súa cómoda visualización en moitos smartphones e tablets con Android grazas á nova aplicación de TED que vén de estrearse en Google Play e que permitirá o acceso a máis de 1.200 charlas TED (ás que agardamos que se incorporen máis adiante as de TEDxGalicia, que xa poden verse a través de YouTube).
Esta aplicación de balde funciona en Android 2.1 e superior, de xeito que pode empregarse en millóns de dispositivos. É totalmente de balde e desenvolveuse grazas ao apoio de Sony en colaboración con Mercury Intermedia. Permite ver os vídeos das charlas TED que se publican diariamente, facilita a navegación e busca sobre o enorme catálogo de contidos, fai doado compartir contidos a través de Twitter, Facebook e correo electrónico, permite marcar os nosos relatorios favoritos para poder velos posteriormente, conta coa opción de descargar vídeos para poder consultalos posteriormente fóra de liña e tamén abre o acceso a streams de audio de charlas TED.

PUBLICIDADE