TP-Link presenta o seu primeiro router Wi-Fi AD

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Cando comeza a ser habitual ver nos fogares routers Wi-Fi AC, os fabricantes continúan a avanzar en estándares de comunicación sen fíos para conseguir conexións de máis calidade e mellor cobertura, e así temos como TP-Link presenta o seu primeiro router baixo o estándar 802.11ad, que non se limitará ás bandas de 2,4 e 5 GHz, senón que tamén aproveitaría as frecuencias de 57-66 GHz para conseguir velocidades de até 4.600 Mbps (o triplo da velocidade máxima da banda dos 5 GHz).
O router TP-Link Talon AD7200 tamén conta coa tecnoloxía MU-MIMO, para reducir os pescozos de botella que xorden cando hai moitos dispositivos conectados e, grazas a que ten 8 antenas axustables separadas e amplificadas é posible que a cobertura sexa o mellor posible en cada curruncho do noso fogar.
Para non quedarse aí, o router conta tamén con 4 portos Gigabit Ethernet (para poder conectar equipos por cable), 2 portos USB 3.0 (para poder compartir unidades USB en rede) e software que facilita a conexión de usuarios convidados ou o control paterno da rede (para poder controlar o tempo que pasan os cativos conectados), sendo posible realizar toda esta configuración a través dunha aplicación para iOS e Android.
Este novo router chegará ao mercado a primeiros de ano.

PUBLICIDADE