Tales of Vesperia leva á Xbox 360 a superar en vendas á PS3 no Xapón

luns, 18 de agosto do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 58.6 KB
Centos de xaponeses fixeron cola para facerse co agardado xogo no Xapón

As vendas de consolas de videoxogos parecen ser un elemento orientado directamente polo catálogo de xogos existentes para as mesmas, ou esa é a única explicación do que está a acontecer no Xapón, onde a primeiros de mes a PSP perdeu a súa posición de liderado fronte a Nintendo DS e a PS3 fixo o propio con respecto da Xbox 360, que curiosamente conseguiu unhas vendas fortísimas (superando á PS3 e á PS2 xuntas) grazas á estrea do xogo Tales of Vesperia (un RPG xaponés). No caso da DS tamén parece que o éxito vén grazas ao lanzamento de Fire Emblem DS.
O caso das consolas portátiles é máis comprensible, pero que a consola de alta definición de Microsoft que apenas tiña presenza no mercado xaponés estea a ter tan boas vendas parece ser un bo sinal, e podería manter a tendencia nos vindeiros meses, por a compañía de Redmond ten pensado lanzar toda unha oferta do xénero de moda no Xapón (que era unha das principais carencias da Xbox 360, xunto á falta dun SingStar, o que tamén arranxarán en breve). O feito de que Final Fantasy XIII deixe de ser exclusiva para a PS3 e vaia ter unha versión tamén para Xbox 360 é un factor máis para apostar pola consola de Microsoft (que é considerablemente máis barata que a de Sony), aínda que é de xustiza recoñecer que a Nintendo Wii continúa imparable en todo o mundo, superando por bastante a todos os seus competidores.

JPEG - 93.4 KB
Tales of Vesperia demostrou ser un auténtico xogo vende-consolas

O escenario nipón non parece ter reflexo no resto do mundo, e nos EE.UU. o que se aprecia é unha baixada considerable na venda de consolas, que chega a ser do 44,5% no caso da PS3 e do 34,21% no da PSP, sendo a plataforma que mellor conserva o tipo a Xbox 360 (cunha baixada de apenas un 6,91%), de xeito que a vantaxe que nos últimos meses tiña a PS3 con respecto da Xbox 360 se vai acurtando ( a consola de Sony vendeu 224,9 milleiros de unidades en xullo, mentres que a de Microsoft se conformou con 204,8 milleiros). A situación sorprende porque normalmente a venda de consolas se incrementaba no verán, aínda que o que si medrou foi a venda de xogos (incluíndo consolas, xogos e accesorios), que gozou dun incremento interanual do 28%, chegando aos 1,19 millardos no mes de xullo segundo NDP, aínda que hai que lembrar que en criterios interaunais incluso as vendas de consolas medraron un 17% (cando o certo é que nos últimos meses se está a acusar a crise económica nos EE.UU.).
En España aínda non se está a notar a ralentización da economía nas vendas de xogos, e segundo ADeSe Nintendo continúa a arrasar en vendas, con 8 dos 10 xogos na listaxe dos máis vendidos no Estado durante o mes de xullo, encabezados con Wii Fit, Wii Play e Super Smash Bros. Brawl, os 3 para Nintendo Wii. Os únicos títulos alleos a Nintendo que se cola entre os máis vendidos serían Metal Gear Solid 4: Guns of the Patriots (posto 5) e Grand Theft Auto IV (posto 10) para PlayStation 3. Algo semellante pasa tamén na listaxe de vendas de PC, na que Los Sims 2 ocupa 7 das 10 primeiras posicións.

PUBLICIDADE