Tecalis, Altia e CONGALSA, distinguidas polo seu compromiso social e conciliador
martes, 3 de marzo do 2020
A
Xunta entregou este martes os galardóns da nova edición dos seus
Premios á Responsabilidade Social Empresarial de Galicia, uns
recoñecementos que teñen o obxectivo de mostrar e reivindicar
publicamente o labor daquelas empresas que adoptan principios e
prácticas de responsabilidade solidaria na súa xestión e na súa
actividade diaria. O palmarés final destas distincións tivo unha
vertente claramente tecnolóxica. De feito, premiouse o labor social
das firmas dixitais Altia e Tecalis. Tamén se enxalzou o labor de
CONGALSA, referente en Industria 4.0, polos seus avances en
conciliación. O conselleiro de Economía, Francisco Conde,
participou na entrega de galardóns en Santiago.
En
termos máis concretos, o Premio á RSE de Galicia na categoría de
pequena empresa foi dar a Tecalis,
firma consultora e desenvolvedora TIC con sede en Milladoiro (Ames),
e o mesmo galardón na modalidade de gran empresa recaeu en Altia
Consultores, con sede en Oleiros centrada en servizos de
consultora estratéxica e tecnolóxica, principalmente.
Tamén
foi distinguida, na modalidade de mediana empresa, a compañía de
transporte Empresa
Monforte SAU.
O
Premio Mención á Conciliación foi dar a CONGALSA,
con sede na Pobra do Caramiñal, e centrada en produtos do mar
conxelados e moi envorcada en metodoloxías intelixentes de xestión
e produción que exportar a todo o sector alimentario galego (en
colaboración con Gradiant e a través do proxecto CONGALSA 4.0).
O
conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde,
sinalou na entrega dos premios, organizados pola Xunta, que “a
responsabilidade social empresarial é clave para impulsar o emprego
de calidade e a conciliación”. Amais, salientou “que a
competitividade do tecido empresarial galego baséase na
diferenciación a través da calidade e da innovación”, e que unha
parte irrenunciábel desa fórmula son “a sustentabilidade, a
seguridade laboral e a igualdade”.
Responsabilidade
e sensibilización
Cos
Premios RSE Galicia, a Xunta quixo enxalzar o labor de compañías
“cun compromiso claro coa responsabilidade social empresarial na
súa xestión”, ao tempo que se sensibiliza a todo o tecido
empresarial sobre a importancia dunha xestión solidaria e
sustentábel.
No
caso de Altia, o xurado recoñece “o desenvolvemento integral da
RSE, con indicadores destacados no ámbito laboral como o emprego de
calidade, a seguridade, a saúde e a formación dos seus empregados”.
No
tocante a Empresa Monforte, salienta na materialización “dun
código de conduta e dunha canle responsábel, así como o seu
sistema de xestión de empresa saudábel e a súa adhesión a un
protocolo de paradas seguras”.
Pola
súa banda, a empresa tecnolóxica Tecalis Innovación sobresae “pola
súa visión integral da RSE, cunha aposta pola excelencia
empresarial”. A Xunta tamén tivo en conta as medidas postas en
xogo para fomentar a conciliación familiar e o seu horario flexíbel
para todo o persoal, entre outros aspectos.
CONGALSA,
pola súa parte, foi destacada polo xurado por “propiciar medidas
de conciliación ás súas persoas traballadoras, como son o acceso a
xornadas de traballo reducidas, ademais de contar cunha xornada
intensiva”. Ademais, salientouse o seu sistema de melloras sociais,
permitindo a planificación das vacacións para coincidir cos
períodos de lecer estudantís e permisos de paternidade de 16
semanas. “Ten, ademais, unha política que se dirixe a evitar a
discriminación na promoción interna de traballadores”, destacou o
xurado.