Tecalis, Premio á Excelencia Empresarial 2019

luns, 30 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tecalis, centrada en alta tecnoloxía para facilitar a actividade das empresas e a súa transformación, vén de recibir o Premio á Excelencia Empresarial, un prestixioso e relevante recoñecemento concedido polo Instituto de Excelencia Empresarial, que busca, con estes galardóns, distinguir os esforzos innovadores, sustentábeis, solidarios e competitivos de empresas, institucións e fundación do eido estatal. Na gala de entrega dos Premios, novamente no Círculo de Belas Artes de Madrid, participou Berta Caro, directora de Desenvolvemento Corporativo en Tecalis, que recibiu o recoñecemento de mans do devandito instituto.
Segundo fai saber Tecalis, o Premio á Excelencia Empresarial vén culminar un ano ateigado de premios ao “exitoso modelo” de actividade da empresa con sede en Milladoiro (Ames), baseado “na fusión da innovación tecnolóxica coa innovación na excelencia”. Este modelo de negocio, engade a firma galega, “está constituído ao cen por cen por políticas de responsabilidade social corporativa, excelencia empresarial e innovación continua, que buscan todas elas, o benestar do persoal da compañía e máis da contorna social na que se insire, mellorando a produción e a calidade dos proxectos e aumentando os niveis de implicación, comunicación e fidelidade do talento que conforma o capital humano de Tecalis.

PUBLICIDADE