Telecinco adapta a súa web para o iPhone

martes, 8 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Este venres comezará a venderse en España o iPhone de Apple, e para adaptarse a este novo dispositivo con acceso á Rede é de agardar que moitas empresas fagan versións específicas das súas páxinas web. Nesta liña está a traballar Telecinco, que xa anuncia que vai estrear web para o iPhone (dende telecinco.es/i), a través da que se poderán seguir as súas novas actualizadas e os mellores vídeos da súa web. A nova web tamén se pode incorporar coma WebClip (coa icona i5) á pantalla principal do móbil de Apple, facilitando así o seu acceso.
Se ben adaptar moitas webs para o iPhone é doado, no caso de incluír contidos de vídeo supón un reto, pois o móbil de Apple non soporta tecnoloxía Flash no seu navegador, de xeito que os clips a reproducir hai que achegalos en formato H.264, polo que Telecinco tivo que empregar a plataforma de software mobc3 para adaptar os contidos de vídeo para o iPhone.

PUBLICIDADE