Telefónica celebra o Día de Internet con ofertas de banda larga para autónomos e empresarios

xoves, 14 de maio do 2009 Raquel Noya

Por quinto ano consecutivo, a operadora nacional Telefónica, como un dos patrocinadores principais do Día de Internet, un evento que se celebra en España e Latinoamérica o vindeiro domingo 17 de maio, vai levar a cabo varias accións de cara a celebralo da mellor maneira posible cos seus clientes, entre as que destaca o lanzamento da oferta especial, Por un euro ao mes, dominio todo o ano, destinada a negocios e autónomos.
Os dominios de Internet, que normalmente teñen un prezo que oscila entre os 26 e os 36 euros anuais, costarán 12 euros ao ano para aqueles clientes de Telefónica que contraten o devandito servizo antes do vindeiro 31 de maio.
Por outra banda, tamén dirixido aos autónomos e ás pequenas empresas, Telefónica lanza o programa ADSL instalado e funcionando a 29 euros todo o ano, unha promoción que permite contratar o ADSL dúo 6 Mb por 29 euros ao mes, con alta de balde, ata o final desta semana.
Para o ámbito residencial, esta segunda quincena de maio, a operadora está a potenciar o produto ADSL Mini máis chamadas por 19,90 euros ao mes, unha modalidade idónea para os clientes que aínda non entraron na banda larga.
Segundo veñen de afirmar os seus responsables, un dos obxectivos do Día de Internet deste 2009 é potenciar o aspecto da Rede “como vía xeradora de postos de traballo”, polo que, a través da iniciativa Internet para o emprego, a canle Emprendedorestv.com, unha plataforma 2.0 dirixida aos que poñen en marcha os seus propios negocios e da que Telefónica é patrocinador principal, os internautas atoparán un punto de encontro no que relatar o arranque dos seus proxectos empresariais e cómo o uso de Internet influíu no seu éxito.
Paralelamente, Telefónica está a colaborar ao longo de toda esta semana nos eventos organizados por outras institucións, como a carpa instalada en Madrid por Red.es, onde a compañía participa con diversas accións, como a firma dun convenio entre os operadores e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información para a protección dos menores na Rede.

PUBLICIDADE