Telefónica despregará un novo dispositivo para adaptar os fogares aos seus novos servizos de banda larga

xoves, 11 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Para simplificar as instalacións domésticas, Telefónica pretende colocar nos fogares dos seus clientes a partires do verán a Home Gateway Unit, unha nova solución que substituirá a varios dispositivos actuais (o router, o ONT e o videobridge) para acceder aos servizos de telefónica. O produto desenvolveuse dende o Centro Global de Desenvolvemento de Dispositivos de Telefónica, que pretende deseñar, desenvolver e certificar unha carteira global de dispositivos fixos e móbiles homoxénea para todas as operacións do Grupo Telefónica.
A Home Gateway Unit de Telefónica, que primeiro despregarase en España, para chegar antes do remate do ano a países como Brasil ou Chile, integra varias antenas internas (4 para Wi-Fi a 5 GHz e 2 para Wi-Fi de 2,4 GHz), un porto FXS para poder integrar VoIP, 4 portos Gigabit Ethernet e chip Broadcom para GPON que permitiría até velocidades simétricas a 1 Gbps. Temos así un dispositivo que permite ao cliente gozar da actual oferta de fibra de Movistar a 300 Mbps, así como as futuras velocidades que están por chegar.

PUBLICIDADE