Telefónica destaca a importancia da transformación dixital para a industria galega

luns, 17 de febreiro do 2020 Redacción

O director Territorio Norte de Telefónica España, Francisco Javier Zorrilla, clausurou hoxe a xornada Galicia en digital. Transformando la sociedad y nuestras empresas, organizada por Telefónica e que se celebrou na sala Eisenman da Cidade da Cultura. Durante a súa intervención, lembrou que Telefónica é o operador preferido polos galegos, líder tanto en fibra como en grandes clientes e solucións tecnolóxicas na comunidade.
Zorrilla salientou que «a colaboración das institucións, e en particular coa Xunta de Galicia, permitiu que Galicia teña unha cobertura móbil de banda larga das mellores do mundo, en concreto máis do 98% dos galegos teñen acceso ás redes de alta velocidade», engadindo que «cos feitos, en Telefónica superamos o debate da España baleirada xa que en Galicia máis do 50% da poboación ten cobertura de fibra óptica, a pesar da dispersión do territorio».
Durante o seu discurso, tamén fixo fincapé na aposta de Telefónica polo desenvolvemento dos pilotos 5G que converterán a Galicia nunha comunidade punteira en España na implantación desta tecnoloxía.
Na xornada tamén interveu o director de Relacións Institucionais de Telefónica, Antonio Bengoa, quen resaltou que «a transformación dixital é xa unha obrigan, os datos din que o 40% das PEME desaparecerán se non se transforman dixitalmente».
Durante o discurso de apertura institucional da xornada, Bengoa lembrou que máis da metade das compañías que figuraban no prestixioso índice Standard & Poor’s 500 no ano 2000 xa desapareceron. Tamén falou dos importantes cambios aos que se enfronta o mundo laboral, matizando que «o 50% dos traballos actuais poden ser automatizados para o ano 2025, o 85% dos traballos que haberá en 2030, aínda non existen».
Tras a apertura formal, deuse paso ao relatorio de Miguel Arias, director global de Emprendemento de Telefónica, para continuar cunha mesa redonda sobre Os retos da transformación dixital na industria galega na que participaron Manuel Ángel Alonso Pérez, director de AAPP e Grandes Empresas do Territorio Norte de Telefónica España; Eduardo Aldao Castelo, director de Innovación de Abanca; Luís-Álvarez Sestelo, CEO do Grupo Optar, e Adriana Vázquez, cofundadora e CEO de Deicom Technologies.
A directora xeral da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, acompañou a Javier Zorrilla durante o acto de clausura, en representación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Apelou ao consenso arredor da idea de que a innovación é a clave para asegurar o crecemento económico sustentable.

PUBLICIDADE