Telefónica e Dygra lanzan unha campaña publicitaria sobre tecnoloxía dixital 3D

martes, 2 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Se o pesadume económico ten relación directa coa maré de ladrillo que asolaga unha boa parte do mundo, o optimismo virá neste intre dende o polo contrario. Para Manolo Gómez, director da firma galega Dygra, a fonte de boas perspectivas de desenvolvemento está ben localizada por unha boa parte da sociedade do noso país. A crise, que ben pode significar un cambio de ciclo, tamén é posible que sexa un xeito de mudalo todo para que mellore. Esta fonte, que ten que ver coñecemento e coa imaxinación, coa creatividade (o máis exportable dos produtos), é a xuízo de Gómez unha parte fundamental do acordo presentado hoxe en Compostela entre a empresa que dirixe e Telefónica Movistar.
O acordo, que nun principio abrangue actividades conxuntas até 2010, xa está comezando a dar froitos neste intre. Sen ir máis lonxe, calquera cidadán galego que teña un televisor poderá albiscalos hoxe pola noite en todas as cadeas en primeira liña de visión. Trátase do spot publicitario da operadora para este Nadal, unha peza que xa se pode ver en YouTube e que a maiores constitúe a primeira experiencia publicitaria elaborada con tecnoloxía Dixital 3D para o cinema no eido do territorio estatal. A responsabilidade de Dygra na fabricación do spot, que se proxectará en formato estereoscópico en 32 salas españolas, non pode ser máis ampla: da empresa galega son a feitura, a tecnoloxía e os personaxes, a achega innovadora en definitiva.
Por certo que o nivel de alcance da peza publicitaria tamén semella ter amplitude. De feito, inclúe un plan de comunicación 360º que situará o spot en todo tipo de soportes: TV, cinema, radio, prensa, publicidade exterior, Internet, SMS ou MMS. Por se isto fose pouco, cómpre ter en conta a presenza internacional de Telefónica, activa arestora en máis de 20 países, o que significa fóra de toda dúbida un pulo extra para as actividades estratéxicas de Dygra e, a xuízo de Manolo Gómez, para toda a industria galega do sector
Argumento
A presentación do spot, que contou no Club Internacional de Prensa de Santiago coa presenza do devandito Manolo Gómez e máis de José Ángel Veiga, director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, tivo o seu propio argumento. En boa medida, foi unha breve historia de superación de dificultades, todas elas achegadas polas malas condicións climáticas e polos retrasos ocasionados entre uns e outros participantes na presentación. Porén, o acto de posta en longo puído saír adiante e os medios mantiveron contacto directo coa campaña que se estrea hoxe nas televisións e co seu argumento: unha especie de loita entre tradicións do Nadal, a de Papá Noel e os Reis Magos, que rivalizan entre eles “de xeito cómico e respectuoso” para ver quen dá entregado o mellor agasallo. O spot, que como é natural inclúe alusións directas á operadora (as dúas partes encontradas queren traballar para Movistar), contou en labores de dobraxe con actores como Anabel Alonso, Iván Muelas (que é a voz habitual de Will Smith) ou Pepe Mediavilla (que dobra decote ao actor Morgan Freeman).
Máis detalles sobre o achegamento
O achegamento entre Telefónica Movistar e Dygra complétase cun terceiro apoio: o que veu da man da axencia McCann, fundamental segundo indicaron Gómez e Veiga á hora de poñer en contacto ás dúas empresas e desenvolver a creatividade entre os personaxes como prescriptores da promoción que a operadora ten desenvolvido para os seus usuarios este vindeiro Nadal. O pacto presentado hoxe, que non é novo (as compañías, como subliñou Gómez, veñen colaborando anos) serviu tamén para afondar nos detalles dun desenvolvemento innovador, a tecnoloxía Dixital 3D estereoscópico, que fundamenta en boa medida o presente e o futuro de Dygra no eido da animación.
Nova tecnoloxía en 3D
Como dixemos, durante o acto falouse abondo dun dos principais piares do anuncio presentado: a tecnoloxía estereoscópica que emprega. Esta característica vai ser especialmente visible a partir da estrea nos cinemas da campaña de Movistar prevista para o día 19 de decembro. “O público das 32 salas nas que se proxectará con esta tecnoloxía dixital”, sinalaron Dygra e Movistar, “recibirá unhas lentes polarizadas especiais que lles permitirán visualizar de xeito correcto a creatividade”. Co sistema, engaden, o espectador recibe dúas imaxes ao mesmo tempo, unha para cada ollo, que o cerebro se encarga de interpretar e converter en tres dimensión grazas ás lentes devanditas.
Holy Night: o novo de Dygra
Durante a presentación celebrada no Club Internacional de Prensa, Manolo Gómez achegou unha serie de detalles sobre os camiños a seguir pola empresa que dirixe en materia de animación e compromiso tecnolóxico. Máis polo miúdo, falou de Holy Night, a película en 3D que ten prevista a súa estrea para o Nadal do ano vindeiro e que constitúe a gran aposta de Dygra polo dixital estereoscópico, unha técnica que a xuízo de Gómez vai ser o gran acontecemento cinematográfico mundial dos anos próximos, sendo o dito filme galego o primeiro a nivel europeo en vir apoiado sobre este soporte. Porén, Dygra semella quere apostar por un emprego xustificado desta tecnoloxía: “Para nós é unha ferramenta ao servizo da narración, non ao servizo do simple espectáculo”, subliñou Gómez.
En certa maneira, o anuncio presentado en Compostela constitúe un avance doutra presentación: a do novo camiño de Dygra á procura de expresións e formatos innovadores. Asemade, engadiu o director do selo galego, estamos a falar dun camiño no que hai compañeiros inesperados de viaxe: as industrias das telecomunicacións e das novas tecnoloxías da información. Neste senso, falar de que o audiovisual e as redes da comunicación están condenadas a atoparse é non dicir nada novo. A realidade vén deste xeito: uns precisan dos outros e viceversa. Os tempos, neste senso, corren as présas: “Hai 10 anos, a metade do mundo nunca fixera unha chamada, e hoxe en día a metade do planeta xa ten móbil”, sinalou Gómez, e engadiu: “E Galicia ten que entrar xa nesta nova revolución”.

PUBLICIDADE