Telefónica e Samsung crean unha ferramenta que permite facer un blog dende o móbil

xoves, 14 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Na súa teima por ofrecerlles a tódolos usuarios de telefonía móbil as aplicacións multimedia “máis avanzadas do mundo” e os terminais “máis revolucionarios”, Telefónica vén de presentar o servizo Life Diary e o Ultra Moble PC Q1, unha aplicación e un terminal desenvolvidos por Samsung e presentados no Mobile World Congress 2008 de Barcelona.
Life Diary é unha aplicación que, segundo os seus creadores, “vai revolucionar o mundo da telefonía móbil” xa que consiste nun programa que funciona para os sistemas operativos Symbian e Windows Mobile e que permite compoñer un diario persoal con fotos, chamadas, SMS, contactos, citas e reunións do día a día do usuario.
Isto complétase cunha aplicación para PC e un sitio web que permite sincronizar os contidos do móbil co seu ordenador para organizar todos eses eventos e compoñer un diario persoal de xeito doado e intuitivo.
Trátase dunha ferramenta operativa aberta a outros terminais e que estará dispoñible en tódolos dispositivos móbiles de Samsung.

Ultra Mobile PC Q1 de Samsung, un portátil con corpo de PDA
Un dos primeiros dispositivos que contará coa devandita aplicación é o Ultra Mobile PC (UMPC) Q1 de Samsung. Un dispositivo móbil último modelo lixeiro e delgado con tódalas prestacións dun portátil, como o sistema operativo Windows XP Pro Tablet Edition ou conexión HSDPA integrada coa que acceder á rede que ofrece Telefónica movistar e o corpo dunha cómoda PDA.
Este terminal conta cunha batería que dura ata 8,5 horas e cun teclado QWERTY, integrado a ambos lados da pantalla, que lle permite ó usuario escribir con total facilidade documentos, acceder a diferentes páxinas web ou enviar correos electrónicos.
Asemade, este dispositivo conta cunha pantalla táctil LCD de 7 polgadas de alta resolución e unha aparencia que, segundo afirman os seus creadores, “resulta moi atractiva”. ff

PUBLICIDADE