Telefónica inclúe Galicia no seu programa formativo de emprego Alfabetización Dixital

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

Telefónica vén de comunicar a apertura da inscrición para participar nunha nova edición de Alfabetización Dixital, o programa online de orientación laboral que tamén ten presenza en Galicia, amais de noutras comunidades. O seu obxectivo é lograr que as persoas desempregadas poidan achegarse ás tecnoloxías e aprendan habilidades dixitais básicas para a procura de traballo.
Serán tres semanas de sesións virtuais para, nun plano máis concreto, familiarizarse coas programas e aplicacións informáticas que as empresas demandan actualmente nos seus procesos de selección e ofertas de traballo.
Ademais, entregarase aos seus participantes un certificado acreditativo tras finalizar a actividade.
A iniciativa desenvolverase en maio e contará con prazas limitadas. Ademais de Galicia, poderán participar persoas en desemprego, de entre 18 e 60 anos, de Asturias, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana e A Rioxa.
As persoas interesadas en participar nesta actividade, totalmente gratuíta, dispoñen até o 29 de abril para realizar a súa inscrición na páxina web das Lanzadeiras de Emprego de Telefónica.
Esta iniciativa está impulsada por Fundación Santa María a Real e Fundación Telefónica, que contan con co-financiamento do Fondo Social Europeo, a través do programa operativo POISES
Segundo o establecido nas bases da convocatoria, poderán apuntarse persoas en desemprego das ditas comunidades autónomas, tendo prioridade as que sexan dalgunha das cidades adscritas ao programa LCE nesta rolda, que no caso de Galicia son A Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
Os seus participantes asistirán durante tres semanas a varias sesións virtuais para aprender a xestionar unha conta do servizo de correo electrónico Gmail para a procura de traballo; a usar ferramentas como Drive para almacenar toda a súa documentación na nube; ou aplicacións como Google Calendar ou Trello para deseñar o seu plan de prospección laboral.
Profundarán no manexo de programas informáticos para crear un currículo moderno, unha base de datos ou unha presentación profesional. Amais, aprenderán a realizar vídeo-conferencias ou entrevistas virtuais; a sacar certificados dixitais, ademais de coñecer as oportunidades das redes sociais para situarse e atopar traballo.

PUBLICIDADE