Telefónica incorpora un servizo de sinatura dixital cotexado pola Fábrica de Moeda e Timbre

xoves, 26 de xuño do 2008 Raquel Noya

Telefónica vén de asinar un acordo de colaboración coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) mediante o cal, a partires de agora, a operadora de telefonía poderalle ofrecer ao mercado de empresas e Administracións Públicas o servizo de Sinatura Dixital Móbil e proporcionarlles así ás entidades e aos usuarios finais, “tódalas facilidades de autentificación e sinatura dixital sobre dispositivos móbiles” a través dos certificados de sinatura electrónica deseñados por FNMT para o seu emprego en tarxetas SIM de Movistar-CriptoSIM.
Este novo servizo ofrece un alto grao de seguridade na identificación dos usuarios á hora de levar a cabo transaccións en liña, tanto vía Internet fixa como en mobilidade, posto que lle engade o elemento do certificado dixital aos dispositivos de seguridade xa existentes.
O feito de incorporar agora a mobilidade nas accións que requiren da sinatura dixital fai que as aplicacións do servizo sexan cada vez máis amplas permitindo, por exemplo, o acceso restrinxido a redes corporativas internas, autorizacións ou validacións dende a distancia, a sinatura de todo tipo de documentos dixitais ou ficheiros con restricións, acceso á banca en liña para realizar múltiples operacións (autentificación do usuario, transferencias, identificación en caixeiros ou en pago en TPVs, taxacións, sinatura de contratos, aprobación de operativas bancarias...). Todo dun xeito doado e máis áxil ó poder realizar o proceso de autentificación e sinatura en calquera situación e “con total seguridade”.
Telefónica anunciou, asemade, que este servizo dispón como garantía “dun seguro de risco” sobre as transaccións e validacións, que “aporta un maior valor de garantía e seguridade”.

PUBLICIDADE