Telefónica leva a banda larga ultrarrápida aos nosos paradores de turismo

luns, 14 de xuño do 2021 S. P.

O Parador de Baiona nunha imaxe de Tripadvisor

Telefónica vai dotar das máis avanzadas tecnoloxías de telecomunicación (tecnoloxía FTTH, polas súas siglas en inglés fibra até o fogar) os paradores de turismo da nosa terra, de xeito que poderán achegar aos seus clientes banda larga ultrarrápida dende estes comezos do mes de xullo. Inclúense os paradores de Baiona, de Tui, de Monforte, de Santo Estevo, de Monterrei, de Muxía, de Verín, de Ribadeo, de Vilalba, de Cambados e de Santiago (Hostal dos Reis Católicos).
Paradores de Turismo de España seleccionou a Telefónica, a través dun concurso público, como socio tecnolóxico único para culminar a súa dixitalización, implantando unha rede de alta dispoñibilidade e banda larga ultrarrápida nos 97 emprazamentos que a hostaleira pública ten repartidos en 16 comunidades autónomas.
A operadora lembra que até o de agora a infraestrutura de rede nestes edificios dependía de varios provedores de telecomunicacións e tiña un limitado largo de banda. Este feito, unido á complicada orografía na que se sitúan -moitos en lugares remotos- e á propia arquitectura dos edificios -boa parte deles históricos-, limitaba a cobertura e dificultaba o acceso mesmo a funcionalidades básicas.
A compañía fixo saber que “o proceso de implantación da fibra óptica avanza a moi bo ritmo”, e así, nos últimos dous meses, Telefónica levou a banda larga a 31 edificios que non contaban con ela, polo que 71 paradores dispoñen xa desta tecnoloxía. Estímase que a primeiros de xullo estea instalada nos 97 establecementos da rede.

PUBLICIDADE