Telegal e o Concello de San Sadurniño achegan cursos de balde sobre transformación, redes e TIC

luns, 4 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

A empresa de Narón Telemática Galicia (Telegal), especializada en formación tecnolóxica e avanzada, ofrecerá 15 cursos en gratuítos en liña (agás un) en colaboración co Concello de San Sadurniño. O catálogo de actividades, denominado Formación en tempos de COVID, impartirase dende o 7 ata o 18 de xaneiro.
Teñen o seu punto de partida no curso de captación para a docencia da formación profesional para o emprego que está levando a cabo Telegal (as e os participantes deste curso están na recta final da formación, polo que cada un deles debe planificar e levar a cabo a súa propia acción traballando con contidos e alumnos reais).
Deste xeito, póñense en marcha os 15 cursos, que abranguen diferentes eidos da vida cotiá, pequenos negocios, mellora das posibilidades para atopar un traballo ou a presenza en Internet.
Así, atópanse actividades formativas sobre aspectos administrativos, como a realización da declaración da renda; de ámbito social, como a mediación familiar e escolar, igualdade ou a calidade de vida das persoas enfermas de Alzhéimer; outras relacionados co emprendemento, a creación de cooperativas de traballo asociado, o escaparatismo, as redes sociais, a posta en marcha de tendas virtuais; un curso de introdución ao guión audiovisual e outro de ferramentas de organización do fogar ou dun negocio; e o curso que se impartirá de forma presencial, a práctica de lavar e limpar correctamente un vehículo.
Doutra banda, cabe destacar que as inscrición en todos estes cursos son gratuítas e poden facerse en liña. A primeira serie comeza o día 7 de xaneiro e a segunda arrincará o 18, e tódolos interesados poderán anotarse a través da web de Telegal.

PUBLICIDADE