Televés alíase co xigante tecnolóxico brasileiro Padtec

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

Televés, referente galego en infraestruturas de telecomunicacións, formalizou unha alianza con Padtec, o meirande fabricante de sistemas ópticos de transporte de América Latina, co obxectivo de situarse conxuntamente como un referente do sector nos mercados de Europa, Oriente Medio e África.
Grazas a este acordo, as solucións DWDM (Dense Wavelength Division Multiplexing) baseadas en desenvolvementos de Padtec pasan a formar parte da liña de produtos de Televés, que lanza a súa nova vertical de negocio de transporte óptico de alta capacidade e baixa latencia.
Para Santiago Rey Requejo, director executivo (CEO) de Televés Corporación, a liña de produtos de Padtec “é particularmente innovadora e permitirá agregar solucións á nosa carteira de produtos que satisfagan a demanda exponencial de transmisión de datos de alta capacidade”. Na súa opinión, a alianza con Padtec “sitúa a Televés como provedor estratéxico de infraestruturas para todo o mercado de EMEA (Europa, Oriente Medio e África), onde Televés está presente e é un referente no ámbito mundial das infraestruturas de telecomunicacións”.
Manuel Andrade, director executivo (CEO) de Padtec América do Norte e director de Operacións Internacionais, sinala que a alianza con Televés “é moito máis que comercial, xa que permite ás empresas potenciar os seus coñecementos e sumar as súas capacidades tecnolóxicas e produtivas”. Pola súa banda, Esther Gómez, directora desta vertical de negocio, expresa o seu optimismo polas expectativas xeradas por este acordo: “En plena era de transformación dixital que demanda redes de fibra fiábeis, seguras, de gran capacidade e baixa latencia, os fabricantes de tecnoloxía pensamos en solucións que equilibren prestacións e rendibilidade; neste senso a aposta de Televés pola adopción da tecnoloxía DWDM foi clave para buscar a alianza con Padtec e axuntar o potencial de ambas as compañías”.
Carlos Raimar, director executivo de Padtec, sinala que “Televés é recoñecida pola súa capacidade de investigación e desenvolvemento de solucións de vangarda e por ofrecer aos seus clientes soporte técnico cualificado no servizo integral de instalación, posta en marcha e post venda, ademais de por ter un profundo coñecemento comercial dos mercados nos que opera. Neste escenario, a nosa alianza está ben situada para entregar solucións capaces de satisfacer as grandes demandas de largo de banda e de novos servizos do mercado en EMEA (Europa, Oriente Medio e África)”.

PUBLICIDADE