Televés pon en xogo un equipamento para solucionar nos nosos fogares o problema do fading

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.

A empresa galega Televés, referente mundial en equipamentos de telecomunicación e eSaúde, vén de compartir detalles sobre unha tecnoloxía de seu encamiñada a liberar os nosos fogares dun problema no sinal de televisión que acada especial intensidade durante o verán: o fenómeno coñecido como fading. A tecnoloxía de Televés non é outra que a antena Ellipse, “a mellor solución á hora de mitigar os desmaios de sinal dos nosos televisores”, segundo explican fontes da empresa de Santiago, engadindo que se trata dun problema que afecta “a máis de 18 millóns de españois, case o 40% da poboación do país, especialmente en zonas costeiras”. Esta incidencia, por certo, vaia a máis a medida que recrúan as vagas de calor.
Os desmaios de sinal
Televés explica que “cando falamos de desmaios non facemos referencia aos sufridos polos sectores da poboación máis vulnerábeis ás condicións climatolóxicas, senón ao fading do sinal de televisión”. Trátase, engade a empresa, “dun fenómeno especialmente habitual nas zonas costeiras, onde a calor e a humidade golpean con especial severidade, pero que pode darse en calquera punto onde as condicións do medio de propagación sufran alteracións que provocan que a sinal se deteriore”. O termo, proveniente do inglés, significa desmaio e fai referencia aos problemas de recepción de canles que fan que a calidade do sinal de TDT sufra unha degradación. Degradación que provoca que non podamos ver as canles.
Un fenómeno especialmente doloso en zonas costeiras
Nas zonas costeiras, a causa da calor estival, evapórase unha gran cantidade de auga. Isto, xunto ás altas temperaturas en si mesmas, a humidade e as mareas, altera as condicións do medio de propagación, xerando condicións diferentes entre os tramos terrestres e os mariños. “Este efecto”, sinala Televés, “é especialmente perentorio nas zonas sur e sueste de España, debido á gran potencia coa que emiten algúns transmisores da zona de Marrocos, causando interferencias na banda de frecuencias da TDT”. Esta disparidade nas condicións de propagación fai que o sinal se deteriore e degrade; un efecto que perdura mesmo de noite, cando os receptores domésticos continúan con graves problemas debido á maior intensidade dos sinais procedentes dos emisores máis afastados (ecos) por mor da mellora nas condicións de propagación.
Ellipse de Televés
Televés desenvolveu a última xeración da antena Ellipse, con tecnoloxía BOSS Tech que inclúe, en palabras da empresa, “o revolucionario circuíto electrónico T-Force e un filtro SAW de alto rexeitamento ante interferencias”. E engade: “Esta antena é moi directiva e está especialmente deseñada para filtrar e axustar automaticamente o sinal e liquidar moitos dos problemas xerados polo efecto fading, constituíndose Ellipse como a solución perfecta para todo profesional preocupado por ofrecer a máxima calidade nos seus proxectos de instalación”. A compañía de equipos de telecomunicación asegura, de feito, que se trata da “solución con mellores prestacións para mitigar estes fenómenos”.
Amais, fai saber que o rendemento da antena Ellipse vén avalado pola realización de diversos estudos tanto previos como posteriores ao seu desenvolvemento. “Nas medicións realizadas, a antena demostrou a súa alta capacidade para minimizar o impacto dos ecos e absorber as grandes fluctuacións nos sinais causados polo fading, mellorando en consecuencia a calidade do sinal de forma notábel”, sinala Televés, engadindo que Ellipse ofrece “bos resultados mesmo en modo pasivo, mellorando os doutras antenas do mercado”. Porén, apunta, “a verdadeira intelixencia da antena actívase cando se alimenta con 12 ou 24 voltios; aí é cando a tecnoloxía BOSS Tech brilla realmente, con incrementos de potencia de sinal de máis de 10dBs, sen afectar a calidade de niveis MER-BER no devandito sinal”.

PUBLICIDADE