Televés presenta o potencial interactivo da nova xeración do seu receptor zAs
xoves, 24 de xaneiro do 2013
A
empresa compostelá Televés deu
a coñecer esta semana múltiples detalles da nova xeración do
zAs, aparello para
recibir a Televisión Dixital Terrestre que arestora xa está no
mercado. Falamos, máis concretamente, do zAs Hbb, a xuízo da firma
galega “un paso máis na súa aposta a prol
da vangarda tecnolóxica” e que, entre
outras cousas, pon a disposición dos clientes un recurso híbrido
que achega non só o acceso á programación convencional de TDT,
incluídas as emisións en alta definición (HDTV), senón tamén
conexión ao contido de valor engadido do radiodifusor na canle
sintonizada.
Deste
xeito, engade a firma santiaguesa, “os
usuarios poden conectarse en calquera intre e gozar dos servizos á
carta que ofrece os distintos operadores, tales como series de
TV ao completo, longametraxes,
documentais, servizos interactivos ou navegación na Internet”.
Para
Televés, o zAs Hbb (Hybrid Broadcast Broadband) é a solución
multimedia, perfectamente axeitada, para o fogar. En boa medida pola
sinxeleza e pola ampla marxe de uso que achega no seu mando
universal. Para facérmonos unha idea, inclúe entre outras cousas a
función Timeshift, que permite reproducir unha emisión ao tempo que
se continúa gravando, ou o sistema USB PVX Ready, que posibilita a
conexión dun disco duro ao porto USB que incorpora o receptor, o que
facilita “o almacenamento de contidos
para velos cando se desexe”.
Por
certo que o novo aparello fabrícase nas propias dependencias que
Televés ten no barrio de Conxo de Santiago, o que lle engade, a
maiores, o valor de ser en si mesmo tecnoloxía galega. Leva, de
feito, o selo European Technology Made
in Europe,
que, segundo informa Televés, garante a fiabilidade e a vangarda
tecnolóxica.