Televés presenta unha antena para ver a televisión en barcos e caravanas

mércores, 28 de outubro do 2009 Raquel Noya

Os enxeñeiros da empresa galega Televés, a fin de dar cunha solución para os problemas de recepción do sinal de televisión que se viñan sofrindo ata o de agora en vehículos en movemento, estiveron traballando a reo nunha nova antena que fora quen de garantir unha recepción estable do sinal de TDT e o resultado foi a nova Omninova, unha ferramenta compacta, versátil e fiable, fabricada con materiais de alta resistencia á intemperie que soluciona estes problemas de interferencias e mal sinal.
A Omninova é, segundo afirman os seus creadores, “a solución ideal” para ver a televisión en barcos, caravanas e, en xeral, todo tipo de vehículos, sen que o movemento, os xiros ou o balanceo deterioren a calidade da recepción.
Trátase dunha antena omnidireccional equipada con tres amplificadores, un para cada banda (FM, BI-BIII e UHF), que evita interferencias e minimiza os efectos de modulación cruzada.
Asemade, está dotada de filtros rexeitadores dos sinais alleos ó sinal de TV e, en especial das bandas de telecomunicacións marinas.
A Omninova dispón tamén de salidas independentes para radio e televisión, e está protexida fronte a descargas estáticas.
Debido ás duras condicións que unha antena destas características debe afrontar, a antena está fabricada con materiais de alta resistencia á salitre, á humidade e á intemperie en xeral, e ademais está encerrada nunha carcasa totalmente opaca.
O último produto de Televés fabrícase nas propias instalacións da empresa e leva o selo European Technology Made in Europe, como garantía de fiabilidade e vangarda tecnolóxica, unha característica que distingue aos produtos da compañía e que é froito da súa experiencia de máis de 50 anos, da súa capacidade industrial e da súa forte aposta pola I+D+i.

PUBLICIDADE