Televisión Española emitirá regularmente en 4K a partir do 7 de febreiro

luns, 13 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Radio Televisión Española vén de ser recoñecida cun galardón no 4K HDR Summit 2023 de Málaga polo seu impulso á ultra alta definición, aproveitando a ocasión para lembrar que a partir do vindeiro 7 de febreiro Televisión Española contará con emisións en UHD/4K na TDT en aberto de xeito regular, ou sexa, que a canle TVE UHD xa non será unha canle en probas.
Cómpre lembrar que a partir do 14 de febreiro de 2024 todas as canles presentes na TDT teñen a obriga de emitir como mínimo en alta definición, de xeito que os actuais sinais en definición estándar dirán definitivamente adeus.
No caso de Televisión Española cambio que van realizar supón a reorganización dos seus múltiples na TDT, de xeito que, aparte da eliminación das canles en definición estándar, desprazaría as emisións de Teledeporte HD e Clan HD para deixar máis espazo para La 1 UHD, canle que ofrecería un sinal en H.265 con HDR a 2.160p a 50 imaxes por segundo.
Deste xeito o 99% dos fogares españois terían acceso a unha canle con contidos en 4K a través da TDT en aberto, o que espérase que axude á consolidación desta resolución, aínda que realmente o máis importante é o cesamento das emisións en definición estándar, xa que son toda unha rémora para os contidos de alta definición, sendo totalmente inxustificable que actualmente se manteñan emisións cunha calidade de imaxe tan pobre cando empregando o mesmo largo de banda é posible achegar contidos en Full HD.