The Abbey (A Abadía): suspense no claustro

martes, 18 de novembro do 2008 Raquel Noya

A empresa española Alcachofa Soft en colaboración con Fiendware vén de presentar The Abbey (A Abadía), un xogo para PC con máis de 1.000 planos e 40 localizacións que se desenvolve nunha vella abadía onde teñen lugar unha serie de misteriosos crimes.
O antigo Gran Inquisidor Leonardo e o seu asistente Bruno, son enviados polo Vaticano a unha illada abadía para investigar os estraños sucesos que rodean a un segredo moi ben gardado; pero nada máis chegar todo se precipitará cando alguén tenta poñer fin ás súas vidas…
En palabras da propia empresa Alcachofa Soft, o xogo representa un “chimpo de xigante” para a compañía, amais de unha “superprodución”, tanto dende o punto de vista tecnolóxico como narrativo, ofrecendo unha das aventuras gráficas máis agardadas a nivel internacional durante 2008.
The Abbey é un xogo de proporcións cinematográficas cun suspense que vai máis alá da aventura tradicional.
Combina os gráficos 2D e 3D dun xeito innovador e contén máis de 200 fondos distintos pintados á man.
Asemade, contén máis de setenta minutos de banda sonora composta por Emilio de Paz e interpretada pola Orquestra Sinfónica de Praga e Coro que meten ao xogador nun ambiente propio dunha auténtica abadía.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE