The Ballad of Gay Tony será o novo capítulo descargable de Grand Theft Auto IV

mércores, 27 de maio do 2009 Marcus Fernández

Tras o éxito de The Lost and Damned, coma capítulo descargable para o Grand Theft Auto IV, a xente de Rockstar Games está a preparar unha nova expansión titulada The Ballad of Gay Tony que poderá mercarse a partir do vindeiro outono no Bazar de Xbox LIVE por 1.600 puntos (19,2 euros).
Este novo capítulo volve a ter lugar nas rúas de Liberty City, e permitiranos meternos no papel de Luis López, man dereita e gardacostas do empresario da noite Tony Prince, tamén coñecido coma Gay Tony. Como vén a ser habitual neste tipo de xogos, haberá que enfrontarse a outras familias e clans.
Pero os usuarios que gusten do GTA IV e non conten cunha Xbox 360 conectada á Rede, terán agora un novo xeito de gozar destes novos capítulos, pois no outono tamén sairá en formato físico o xogo Grand Theft Auto: Episodes From Liberty City, que non é máis que os dous episodios descargables do xogo para Xbox 360 que estarán á venda por 39,99 euros e que funcionarán incluso se carecemos do Grand Theft Auto IV.

PUBLICIDADE