The King of Fighters estréase en Android

venres, 23 de marzo do 2012 Marcus Fernández

THE KING OF FIGHTERS Android adaptou os seus controis a pantallas táctiles

SNK Playmore vén de estrear en Google Play o xogo THE KING OF FIGHTERS Android, que como ben describe o seu nome, trátase dunha conversión da clásica saga de xogos de loita para máquinas recreativas de SNK a dispositivos Android, tirando proveito de controis virtuais en pantalla e incluso sendo compatible cos mandos físicos de terminais Xperia PLAY.
THE KING OF FIGHTERS Android conta con varios modos: Team Battle (3 contra 3), Single Battle (1 contra 1), Endless (proba de resistencia na que o xogador deberá loitar ata perder un combate), Challenge (orientado á superación de retos) e Training (para adestrar no uso de controis virtuais e dos combos típicos nos xogos de loita).
O cadro de loitadores tamén é moi completo, con 20 personaxes clásicos entre os que non faltan Kyo Kusanagi, K’, Ash Crimson ou Billy Kane, aínda que non conta con tal variedade de dispositivos compatibles, estando polo momento confirmada a súa compatibilidade co Samsung Galaxy S2, o Samsung Galaxy Tab 10.1 e os Sony Ericsson Xperia acro e PLAY.

O xogo permite elixir entre 20 loitadores

PUBLICIDADE