The Last of Us Parte II inspira o deseño dunha PS4 Pro de edición limitada

martes, 19 de maio do 2020 Marcus Fernández

Non hai dúbida en que The Last of Us Parte II é a grande aposta de Sony de cara ao verán, e probablemente sexa o título que marque o teito da presente xeración do mesmo xeito que aconteceu coa primeira entrega do xogo en PlayStation 3, e para que este lanzamento deixe unha maior pegada, cando chegue ao mercado o 19 de xuño virá acompañado cunha edición limitada da consola PlayStation 4 Pro.
A consola en edición limitada que incluirá o xogo de Naughty Dog será unha PlayStation 4 Pro personalizada en acabado mate cun gravado coa tatuaxe de Ellie, un mando sen fíos DUALSHOCK 4 de edición limitada e algúns contidos dixitais adicionais.
Pero para os que non precisen mercar unha consola haberá accesorios que tamén poderen resultar de interese para celebrar a nova entrega das aventuras de Ellie e Joel, como uns auriculares de diadema con acabado negro mate e almofadas interiores en cor carmesí, que tamén locen o fieito da tatuaxe de Ellie e o logotipo do xogo.
O director de arte de Naughty Dog recoñece que o éxito da tatuaxe de Ellie nas redes sociais pillounos por sorpresa, e ante a súa boa acollida decidiron aproveitalo como un elemento que represente o xogo no hardware que sairá para homenaxealo, e que nalgúns establecementos xa está dispoñible para a súa reserva.

PUBLICIDADE