The Last of Us sae á venda en España

venres, 14 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Os creadores da saga Uncharted levan tempo amosando a profundidade e os moitos detalles que achega a súa nova obra, The Last of Us, título exclusivo para PlayStation 3 que hoxe chega ás tendas ofrecendo unha experiencia de acción e terror, na que o argumento ten un peso moi importante e que a crítica sitúa como un dos mellores xogos da historia da PS3 recibindo unha puntuación de 95 sobre 100 en Metacritic (só superado por GTA IV, Uncharted 2 e Batman: Arkham City) polo que ten moitas bazas para converterse no xogo do ano entre as consolas da presente xeración.
Este xogo de Naughty Dog, pese a conservar moitos elementos de Uncharted, ten un espírito totalmente distinto, non só porque estea ambientado en un futuro apocalíptico no que enfrontarse a infectados e a outros superviventes, senón polo xeito de introducirnos na historia, con numerosas decisións que poñen a proba a moral dos protagonistas e cun nivel técnico que espreme practicamente todo o potencial da PlayStation 3, o que só é posible despois dos tantos anos de maduración desta plataforma.
É moi probable que The Last of Us tamén sexa un dos xogos máis vendidos do ano (sen contar a Call of Duty e FIFA, que son éxitos seguros) grazas en boa medida á súa forte campaña promocional, pois é un dos poucos xogos que é doado ver anunciado por televisión:

PUBLICIDADE