The Last of Us terá Pase de tempada

mércores, 29 de maio do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro 14 de xuño chegará ás tendas o agardado xogo de Naughty Dog The Last of Us, exclusivo para PlayStation 3 e que tamén estará dispoñible en descarga dixital dende o día do seu lanzamento (contando cun sistema de descarga especial para poder xogar cando a descarga de datos vaia por pouco máis da metade) e, agora que se aproxima a saída deste prometedor título, confirman que terá 3 lotes de contido descargable tras o seu lanzamento.
Estes contidos descargables tamén poderán adquirirse en conxunto por 19,99 euros, o que supón unha rebaixa do 30% sobre o prezo dos lotes por separado, o que normalmente coñécese como Pase de tempada, que tamén incluirá bonificacións exclusivas dende o día de lanzamento do xogo, consistentes en: velocidade de construción aumentada, velocidade de curación aumentada, mellora de velocidade de carga de 9 mm, mellora de capacidade do cargador do fusil e Grounded, un documental de 90 minutos sobre a creación do xogo.
Aínda que 2 dos lotes descargables serán do modo multi-xogador con mapas e outras expansións, un dos lotes descargables serán para o modo de un xogador, algo que Naughty Dog non tiña feito nunca, e do que deféndese argumentando que serán contidos desenvolvidos despois do lanzamento do xogo, e non o clásico material agochado no disco do xogo, listo para desbloquear mediante un código.

The Last of Us chegará ás tendas nun par de semanas

PUBLICIDADE